Inauguración da Compostela Cup do Camiño

O acto inaugural da Compostela Cup do Camiño 2011, cuxas competicións comezarán este mércores e prolongaranse ata o vindeiro 3 de xullo, tivo lugar na tarde de hoxe no Centro Social de Novacaixagalicia, coa participación de Bernardino Rama, concelleiro de Deportes en funcións, Víctor Tobío, secretario da Fundación Compostela Deporte, Xosé Manuel Lobato, director deportivo do torneo, e Guillermo Muñoz, membro do Padroado da Fundación.Un ano máis, a Compostela Cup do Camiño, organizada pola Fundación Compostela Deporte, trata de “fomentar o deporte de base e os valores deportivos”, segundo salientou Víctor Tobío, que é a razón de ser deste torneo nado no ano 2005, polo que esta será a súa sétima edición. Tobío tamén destacou a ampla participación que se rexistra cada ano, e a salientable presenza de conxuntos estranxeiros, maioritariamente portugueses.

Xosé Manuel Lobato, pola súa parte, comezou a súa intervención afirmando que “despois de sete edicións, podemos decir que a Compostela Cup é un éxito”, e quixo lembrar o labor de “centos de voluntarios” que aportan a súa axuda para que o torneo, “un referente para o deporte base, mesmo a nivel internacional”, sexa posible. Ademais lembrou que, segundo manifestan os participantes despois de cada edición, a Compostela Cup “é unha experiencia inesquecible para eles”. “Non hai un torneo coma este en toda España”, rematou.

Por último, o concelleiro de Deportes de Santiago, Bernardino Rama, mostrou o seu agradecemento a todas as persoas que fan posible que a Compostela Cup sexa un éxito cada ano, e lembrou que grazas a ela “hai moita xente que disfruta da nosa cidade, e iso é riqueza”, referíndose ás numerosas pernoctacións de participantes e familiares que repercuten positivamente no turismo da cidade.

O torneo, como cada ano, vai dirixido a rapaces de entre seis e dezaoito anos, e na última edición de 2010 chegouse a un total de máis de 12.000 deportistas e preto de 95.000 asistentes ás diferentes competicións. Nesta edición de 2011, a organización espera achegarse a esas cifras, coa presenza de cinco modalidades deportivas: baloncesto, minibásquet, fútbol, fútbol-7 e fútbol sala. Dende este mércores, ata o domingo 26, desputaranse as competicións de fútbol e fútbol sala, mentres que a de fútbol-7 comezará o vindeiro mércores 29 de xuño (rematará o 3 de xullo) e as de baloncesto e minibásquet prolongaranse dende o 30 de xuño ata o día 2 de xullo.

Os comentarios están pechados


Padroado