A III Carreira Solidaria Polígono do Tambre disputarase o vindeiro 24 de maio

O Vicepresidente da Fundación Compostela Deporte e Concelleiro de Deportes de Santiago, Andrés Fariña, e o Presidente da Asociación de Empresarios do Polígono Industrial do Tambre (AEPIT), Jesús Chenel, presidiron hoxe a presentación da “III Carreira Solidaria Polígono do Tambre” que se celebrará o vindeiro día 24 de maio nas estradas desta área empresarial compostelá. Ambas entidades aúnan esforzos por terceiro ano consecutivo con vontade solidaria, xa que os fondos que se recaden serán destinados íntegramente á Cociña Económica.

As entidades que colaborarán con esta terceira edición da Carreira Solidaria son: Concello de Santiago, Delegación en Santiago da Federación Galega de Atletismo -que levará o control técnico da proba-, Cruz Vermella, e Begano-Coca Cola. Na presentación tamén estivo presente o Vicepresidente da AEPIT, José Fernández Alborés.

O Vicepresidente da Fundación, Andrés Fariña, agracedeu ás entidades colaboradoras coa Carreira e destacou o carácter solidario da mesma. “Quero agradecer a AEPIT, á Federación e ao resto de entidades, a colaboración que prestan para levar adiante este evento deportivo solidario no que sectores como o empresarial e o deportivo intentan acadar recursos en beneficio, neste caso, da Cociña Económica. E quero animar a todos os cidadáns a que participen”, afirmou.

O presidente da AEPIT, Jesús Chenel, subliñou que a Asociación de Empresarios do Polígono Industrial do Tambre: “Contribuirá un ano más (o terceiro) a que a Carreira Solidaria se celebre nas nosas instalacións. Animo a todos os empresarios da nosa asociación a que participen. Aínda que corren momentos difíciles, calquera que sexa a nosa aportación -cada un na medida das súas posibilidades- será unha boa contribución. E lembrar que a nosa Asociación sempre estará a carón de este tipo de eventos solidarios”.

Cómpre lembrar que a Carreira Solidaria Polígono do Tambre está apadriñada polo atleta santiagués Pedro Nimo, do que partiu a iniciativa da súa celebración no 2007, e que hoxe non pudo estar na presentación por motivos laborais.

Carreira Solidaria

O Delegado en Santiago da Federación Galega de Atletismo, Iván Sanmartín, explicou que á proba será de participación aberta, tanto para atletas federados como non federados. Tamén indicou aas características técnicas desta proba que se desenvolverá por terceiro ano consecutivo nas estradas do Polígono Industrial do Tambre.

“Haberá dúas probas. Na primeira, de dous quilómetros, sairán os que opten por realizar o percorrido camiñando, os rapaces e rapazas menores de 12 anos e os atletas discapacitados. Na segunda, de sete quilómetros, haberá tres categorías: os/as atletas que teñan até 18 anos; os/as que teñan entre 18 e 35; e os/as maiores de 35 anos”, comentou.

Sanmartín agregou que todos aqueles/as que queira participar, poden formalizar as súas inscricións até o día anterior á carreira (23 de maio) a través do correo electrónico inscricionsFGA@gmail.com ou do número de fax 981.191.559. “Os/as interesados tamén poderán inscribirse no Polígono o mesmo día da proba. No momento da recollida do dorsal, cada un/unha poderá facer o seu donativo, totalmente voluntario e en función das súas posibilidades”, engadiu.

Os/as interesados en participar na III Carreira Solidaria Polígono do Tambre poden consultar esta información no portal electrónico da Fundación www.fundacioncompostela.org. Ademais, a medida que se coñezan máis datos da carreira: punto exacto de ubicación da liña de saída, hora de comezo das dúas probas, premios por categoría, atletas e deportistas de elite que participen na mesma, etc, a entidade dará cumprida información a través dos medios de comunicación e da súa páxina web. “Quero facer un chamamento aos/as atletas galegos e, especialmente aos/as de Santiago, a que asistan e aporten a súa axuda”, finalizou Sanmartín.

Os comentarios están pechados


Padroado