Os comerciantes e os hostaleiros aúnan esforzos para promocionar o deporte base a través do Xogo Solidario
O Concello de Santiago acolleu esta mañá a presentación da iniciativa Xogo Solidario, enmarcada dentro do Programa de Axudas da Fundación Compostela Deporte, coa que os comerciantes e os hostaleiros dos municipios de Santiago, Ames, O Pino, Oroso, Teo e Vedra aúnan esforzos para promocionar o deporte base. O acto foi presidido polo Presidente da Fundación Compostela Deporte, Xosé A. Sánchez Bugallo; e tamén contou coa presenza do Vicepresidente da Fundación e Concelleiro de Deportes de Santiago, Andrés Fariña; do Presidente da Asociación de Empresarios de Hostalería de Santiago e Comarca, Jesús Sordo; do Vicepresidente da Agrupación de Comerciantes de Santiago ACOTÉS, Manuel Loimil e do Xerente do Centro Comercial Área Central, Juan Carlos Losada.A iniciativa Xogo Solidario persegue o obxectivo de dotar de recursos aos clubes para mellorar a súa financiación e involucrar a distintos colectivos na tarefa de promoción do deporte base de Compostela e a súa comarca, coa participación dos establecementos comerciais dos concellos de: Santiago, Ames, O Pino, Oroso, Teo e Vedra.
Xogo Solidario conta con Caixanova como patrocinador e, no eido comercial, coa colaboración do Centro Comercial Área Central, a Agrupación de Comerciantes de Santiago Acotés, a Asociación de Empresarios de Hostalería de Santiago e Comarca e a Asociación de Comerciantes de Teo.
Sánchez Bugallo subliñou que o Xogo Solidario é unha iniciativa: “imaxinativa que ten o obxecto de colaborar co deporte base. E cun sisitema participativo porque depende do conxunto dos cidadáns. Os que merquen estos rascas -que teñen un valor dun euro cada un- non o fan pola paixón do premio senón como unha contribución para os clubes de Santiago e comarca”.
A campaña Xogo Solidario é una acción que se desenvolverá a partir do vindeiro mes de marzo mediante o sistema de rascas. Os/as participantes optarán a agasallos directos e descontos nos establecementos colaboradores que até a data de hoxe son máis de 160, pertencentes aos Concellos de Santiago, Ames, O Pino, Oroso, Teo e Vedra.
A Fundación Compostela Deporte distribuirá 100.000 rascas entre máis dun centenar clubes da comarca de Santiago. Ademais de 30000 folletos publicitarios coas entidades colaboradoras e expositores e cartelaría que identifique os negocios solidarios, e fará outra difusión publicitaria a través dos medios de comunicación.
Todos os rascas estarán premiados e terán descontos que irán desde o 5 até o 20 por cento e un total de 1041 agasallos directos valorados en 35.000 euros, entre estos últimos haberá: un ordenador persoal, un casco de moto, unha bicicleta Orbea; unha Nintendo DS; un IPOD Nano 8GB; uns anteollos de sol Ray Ban; varios MP4 e unha cea para dúas persoas e noite nun hotel, entre outros.
A recadación de cada clube dependerá do seu traballo. O Presidente da Fundación e Alcalde de santiago explicou que: “O Xogo Xolidario non ten custo para os clubes. Estes deberán recoller os rascas na Fundación -que financia a difusión e publicidade da campaña- e as asociacións e establecementos colaboradores doan os agasallos e os descontos. Os ingresos que obteñan os clubes irán integramente as súas arcas”, lembrou.
Pola súa banda, o Vicepresidente da Fundación e Concelleiro de Deportes, Andrés Fariña, comentou que: “Cada vez hai máis entidades deportivas e o Concello garante unhas subvencións mínimas, pero cada vez a demanda é maior, e con iniciativas como o Xogo Solidario intentamos movernos na liña de implicar ás entidades privadas. Esta é unha iniciativa importante. Agora depende do esforzo que fagan os cidadáns. Ese compromiso e ese amor aos seus colores tamén hai que demostralo participando no Xogo Solidario”.
Os establecementos participantes pertencen a sectores moi diversos: alimentación; tendas de agasallos; arte froral e xardinería; artes gráficas; artesanía, xoiería; asesoría; belas artes; bicicletas; cafetería; centros de formación; clínicas de fisioterapia; podoloxía ou veterinarias; decoración; deportes; dietética, estética; hostalería, iluminación; fotografía; instrumentos musicais; lavandería; lencería; libraría; complementos de moda; moda infantil e xuvenil; motor; óptica; perruquería; pinturas; suministros de mediciña; serigrafía; spa; tenda de animais; tenda de té; ximnasio, textil fogar, viveiro, xoguetes ou zapatería.
Co Xogo Solidario o deporte base de Santiago e o seu entorno obteñen unha ferramenta para a consecución de axudas, asegurando a súa continuidade e mellora; os establecementos comerciais acadan promoción, novos clientes e a posibilidade de potenciar os seus productos e/ou servizos; e a cidadanía axuda aos seus clubes e benefíciase de vantaxes e agasallos comerciais.
Etiquetas: Axudas, xogo solidario







