Os clubes, as empresas e a USC se preocupan pola formación integral dos/as deportistas composteláns

A Fundación Compostela Deporte entregará o vindeiro venres día 30, na Gala do Deporte Compostelán (Hotel Puerta del Camino ás 21.15 horas), os Premios Deporte e Vida -enmarcados dentro do Plan Integral Deporte e Vida (PIDEVI)-, e que contan cunha dotación orzamentaria de 30.000 euros. Nesta nota vos lembramos os premios que serán outorgados e algúns -non todos por razón de espazo- dos méritos dos clubes seleccionados para optar aos mesmos.

As entidades deportivas seleccionadas para os Premios Deporte e Vida, cunha contía de 3.000 euros en cada un dos seus catro apartados son:

SAÚDE: Hockei Club Raxoi -CD Bosco/Belvís - Lobelle de Santiago - Arteal TM
EDUCACIÓN: Lobelle de Santiago - Hockei Club Raxoi - CD Bosco/Belvís - CB Cluny
BENESTAR SOCIAL: ASPAS - Xuventude Oroso - SR Calo - SD Villestro
NON VIOLENCIA: Inmaculada - Arteal TM - Rosalía Santiago - Xuventude Oroso

Cómpre lembrar que, a Fundación tamén outorgará o Premio Especial Deporte e Vida, de 10.000 euros, ao clube -de entre os once anteditos- que sexa merecedor de tal distinción pola súa labor na execución conxunta dos catro aspectos.

Méritos

O Hockei Club Raxoi ten un blogue con contidos sobre alimentación, psicoloxía e aprendizaxe; e un blogue específico para o deporte feminino. Ten equipos completamente mixtos e, nalgúns deles, hai integrados deportistas discapacitados. Ademais, ten un programa de integración con xordomudos.

O Clube Deportivo Bosco/Belvís ten actividades formativas para adestradores; desenvolve a xornada “O Deporte como actividade educativa”, invitando a clubes de toda Galicia; convivencias de fin de semana no ámbito da saúde e da hixiene; a realización do Programa Deporte Educativo onde cada tempada se desenvolven campañas sobre valores no deporte. Realiza o programa Bosco Nadal. Organiza un campamento urbano para nenos e nenas e o programa San Pedrines no verán ou festas populares como as de Magosto e Antroido, nas que tamén se organizan xogos populares.

Tamén desenvolve cada ano a campaña solidaria “Un quilo, un sorriso”, destinado á recollida de alimentos para as familias máis desfavorecidas da nosa cidade e a recadar fondos para colaborar con proxectos noutros países menos desenvolvidos. E tamén ten un programa de formación de adestradores e animadores deportivos, entre outros méritos.

O Lobelle de Santiago realiza visitas aos colexios cos xogadores do primeiro equipo para promover hábitos de vida saudábeis; edita unha guía didáctica sobre saúde e bos hábitos; forma aos adestradores no emprego de hábitos psicolóxicos. Desenvolve campus con actividades dirixidas por psicólogos fomentando a deportividade e a non violencia. Realiza un campus en colaboración coa asociación Senra. Ten un obradoiro de vida saudábel e prevención de drogodependencias e outro de hábitos de estudo entre os deportistas do clube. Organiza partidos benéficos en colaboración coa Cruz Vermella. A práctica do deporte é de balde para os/as deportistas sen recursos.

Pola súa banda, o Arteal Tenis Mesa realiza reunións trimestrais nas que participan o Presidente do clube, o adestrador, os pais e nais e os alumnos/as nos que se trata: o comportamento e actitude dos deportistas nos adestramentos e nas competicións, así como os dos seus pais e nais nos torneos. Co plan interxeneracional fomenta a interacción dos cativos con xogadores da categoría de veteranos. Por outra banda, co plan interculturas potencia a tolerancia entre as diferentes culturas; ou a utilización do uniforme do clube como elemento igualitario, evitando posibles actuacións discriminatorias.

O Clube Baloncesto Cluny fomenta a integración de discapacitados en colaboración coa asociación ASPAS. Ten un proxecto de reinserción para persoas privadas de liberdade e outros colectivos marxinados. Os/as deportistas con menos recursos acceden de balde á práctica deportiva; realiza intercambios deportivos con Portugal. Ademais, desde o clube emítense circulares fomentando o bo comportamento e distribúe dípticos e cartelaría fomentando a non violencia.

Na Asociación ASPAS a práctica deportiva é un medio para a integración social das persoas con discapacidade. O deporte como medio de desenvolvemento persoal para fomentar a participación e a inclusión na sociedade, a autodeterminación, e como unha ferramenta indispensábel para a formación e capacitación para a autonomía persoal. Realizará un curso de formación e reciclaxe de “persoas voluntarias”.

A Escola Deportiva Xuventude Oroso participa en programas de intercambio tanto a nivel nacional coa Selección Malagueña de fútbol, como internacionais con Portugal; desenvolve charlas informativas dirixidas ao entorno familiar e ao resto do seu colectivo coa participación de educadores sociais; ten un programa de fomento do deporte para todos/as; organiza xornadas, festas e outras actividades culturais como concursos e festas de disfraces no antroido, actos de Nadal, festas de fin de tempada, semanas culturais e rutas de sendeirismo. Tamén desenvolve cursos en colaboración coa Federación Galega de Tenis de Mesa.

A Sociedade Recreativa San Xoán de Calo fomenta a unión do deporte e a cultura coa banda de gaitas, a coral, etc; así como a educación integral facendo charlas sobre diversos temas, como a igualdade por exemplo; o seu equipo xuvenil B obtivo un premio á deportividade; destina charlas aos pais e nais sobre aspectos diversos e ten un equipo consolidado de fútbol sala feminino.

A Sociedade Deportiva Villestro celebra un xantar de Nadal con pais, nais e deportistas; organiza a Romaría do Deporte en colaboración coa ANPA do Colexio de Roxos e coas distintas asociacións veciñais, e o día anterior desenvolve un mini campamento para os nenos/as de entre 8 e 13 anos. Celebra un concurso de debuxo entre os máis cativos/as. Edita un boletín informativo en galego cunha clara vontade normalizadora. Celebra xantares campestres de fin de tempada.

A Agrupación Deportiva Escolar A Inmaculada ten un programa de formación para deportistas en idade escolar no que o ideario do colexio e os valores teñen un papel fundamental, con accións concretas en canto a potenciación e creación de equipos femininos. Tamén realiza un torneo semanal para fomentar a interrelación con outros clubes. E ten un plan de formación de adestradores no que, entre outras actividades, desenvolve un curso de primeiros auxilios. O colexio ten 180 alumnos dos que 150 fan deporte. Ten un programa no que os pais e nais e os adestradores se implican na tarefa educativa, e que inclúe accións formativas para fomentar entre eles os bos hábitos e a non violencia, que inclúe medidas disciplinarias para os pais e nais. Ás asambleas sempre asisten todos os entrenadores.

E a Asociación Escola de Fútbol Rosalía de Castro foi pioneira na creación da súa escola deportiva e a do Irmán Marcelino co obxectivo primordial da formación e desarrollo integral dos rapaces/as a través da actividade deportiva; escolas a través das que tamén fomenta a convivencia, persegue a consecución de hábitos de hixiene, o coidado do material deportivo, imparte charlas teórico-prácticas para o conecemento do regulamento e celebra encontros informais nos que se explican e corrixen ás incorreccións que se comenten. E leva tres anos consecutivos organizando as súas xornadas de psicoloxía e deporte.

Ademais, a Fundación Compostela Deporte entregará os Trofeos á Empresa Solidaria que se distinga no apoio ao deporte compostelán a través da súa responsabilidade social corporativa e á Organización/Asociación Solidaria, que se distinga no apoio ao deporte compostelán. As entidades propostas polo Comité de Selección son: Begano e o Grupo Correo porque patrocinan a entidades deportivas á marxe da modalidade deportiva do clube que solicite a súa axuda. E teñen presenza en moitos eventos deportivos.

Os gañadores de todos os premios anteditos daranse a coñecer na Gala do Deporte Compostelán. Excepto o Premio Deporte e Investigación, cunha contía de 6.000 euros, que foi outorgado á Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago polo seu traballo -xunto co persoal da Fundación- de investigación sobre os valores e comportamentos do deporte compostelán. Os resultados desta investigación están recollidos nunha publicación que se fará pública o mesmo día da Gala.

Etiquetas: , ,

Os comentarios están pechados


Padroado