Once clubes optan aos Premios Deporte e Vida

A Fundación Compostela Deporte acolleu esta mañá a presentación dos seleccionados para os Premios Deporte e Vida, enmarcados dentro do Plan Integral Deporte e Vida (PIDEVI), e que contan cunha dotación orzamentaria de 30.000 euros. Once clubes optan a estos premios que se entregarán no transcurso da Gala do Deporte Compostelán o vindeiro día 30 de xaneiro no Hotel Puerta del Camino.

O Vicepresidente da Fundación e Concelleiro de Deportes de Santiago, Andrés Fariña, subliñou que co programa PIDEVI e os Premios Deporte e Vida a Fundación busca: “a mellora na educación dos(as) deportistas máis xoves. Facer unha educación basada na non violencia, no traballo en equipo, na colaboración, en favorecer comportamentos cívicos e transmisión de valores. Tamén sensibilizar aos propios clubes na tarefa de trasladar aos deportistas hábitos saudabeis. E tamén recoñecer públicamente ás entidades que máis apoian o deporte”.

“Creo que é unha labor moi importante para completar a formación dos nosos(as) xoves para que o día de mañá, independentemente da súa continuidade no mundo do deporte, poidan ser persoas que traballen e teñan unha formación axeitada para o desenvolvemento da súa vida e a súa profesión”, engadiu.

Fariña comunicou os clubes seleccionados para os Premios Deporte e Vida, cunha contía de 3.000 euros en cada un dos seguintes apartados:

SAÚDE: Hockei Club Raxoi - CD Bosco/Belvís - Lobelle de Santiago - Arteal TM
EDUCACIÓN: Lobelle de Santiago - Hockei Club Raxoi - CD Bosco/Belvís - CB Cluny
BENESTAR SOCIAL: ASPAS - Xuventude Oroso - SR Calo - SD Villestro
NON VIOLENCIA: Inmaculada - Arteal TM - Rosalía Santiago - Xuventude Oroso

A Fundación tamén outorgará o Premio Especial Deporte e Vida, de 10.000 euros, ao clube que sexa merecedor de tal distinción pola súa labor na execución conxunta dos catro aspectos anteditos.

Ademais, a entidade entregará os Trofeos á Empresa Solidaria que se distinga no apoio ao deporte compostelán a través da súa responsabilidade social corporativa e á Organización/Asociación Solidaria, que se distinga no apoio ao deporte compostelán. As entidades propostas polo Comité de Selección son: Begano e o Grupo Correo.

“É importante subliñar que hai moitas empresas en Santiago que patrocinan a entidades deportivas e algunhas cunha continuidade importante, dende hai moito tempo e, desde aquí, o meu recoñecemento para todas elas. Pero unha característica das dúas empresas seleccionadas, é que non singularizan a súa aposta polo deporte nunha entidade en particular, senón que o fan á marxe dos deporte e para todos aqueles equipos que solicitan o seu apoio. Teñen presenza en moitos eventos deportivos, e que prestan moita atención ao deporte de Santiago”, comentou o Vicepresidente da Fundación.

Os gañadores de todos os premios anteditos daránse a coñecer na Gala do Deporte Compostelán. Excepto o Premio Deporte e Investigación, cunha contía de 6.000 euros, que foi outorgado a Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago polo seu traballo -xunto co persoal da Fundación- de investigación sobre os valores e comportamentos do deporte compostelán. Os resultados desta investigación están recollidos nunha publicación que se fará pública o mesmo día da Gala.

O representante das federacións deportivas no Comité de Selección dos premios, Enrique Fernández Otero, subliñou que: “os Premios Deporte e Vida complementan o que debe ter o deporte en sí: o fomento do saúde, non violencia, educación e benestar social. Desexamos que teñan continuidade para resaltar esos valores que debe ter o deporte, que non é só gañar”.

Pola súa banda, Ramón Otero, representante dos pais e nais dos(as) deportistas no Comité afirmou que: “Faise difícil seleccionar a unhas entidades e ter que deixar a outros clubes fora. Pero hai que subliñar que as memorias presentadas reflicten o bo traballo que están a facer os clubes nestas cuestións. Viuse o interese das entidades deportivas por participar no PIDEVI e, en concreto, en optar aos premios. Ademais, a calidade da maioría das memorias é moi boa. Os clubes están realizando un gran traballo. O desexo do comité é darlle una perspectiva futura aos premios porque pensamos que se está a respaldar unha serie de valores moi importantes”, indicou.

A presentación tamén contou coa presenza do representante dos árbitros no Comité de Selección, Francisco Guillamet e o representante das empresas, José Manuel Beceiro.

Gala do Deporte Compostelán

Andrés Fariña adiantou que a Gala, á marxe de supoñer por cuarto ano consecutivo un punto de encontro para os representantes dos distintos colectivos que forman o tecido deportivo de Santiago e a súa área de influencia, a través da Exposición do Deporte Compostelán rendirá unha homenaxe ao Racing San Lorenzo polo 80 aniversario da súa constitución e á SD Villestro polo seu 25 aniversario. A mostra contará con imaxes e material deportivo antigo, non só das entidades homenaxeadas, senón tamén doutras disciplinas deportivas practicadas na nosa cidade como, por exemplo, o motociclismo.

Por outra banda, cómpre apuntar que nun Acto previo a Gala, ás 20.30 horas tamén no Hotel Puerta del Camino, entregaránse as Axudas aos clubes Federados, que na edición do 2008 foron solicitadas por ao redor de 70 entidades deportivas.

Etiquetas: , , ,

Os comentarios están pechados


Padroado