Premios Deporte e Vida
A Fundación Compostela Deporte acolleu esta mañá a presentación dos Premios Deporte e Vida, enmarcados dentro do Plan Integral Deporte e Vida (PIDEVI) -posto en marcha pola entidade no 2007- e que contan cunha dotación orzamentaria de 30.000 euros. A iniciativa premiará aos clubes que destaquen no fomento de aspectos como a saúde, o benestar social, a educación e á non violencia, asà como ás entidades que os apoien.
Poderán beneficiarse dos Premios Deporte e Vida, de acordo coas súas Bases, todos os clubes federados que desenvolvan a súa actividade deportiva no Concello de Santiago e na súa comarca. E os requisitos para optar aos mesmos son:
• Desenvolver a actividade dentro do ámbito das federacións deportivas.
• Cumprimentar a folla de solicitude (que poderá recollerse na sede da Fundación) dos Premios do Programa Deporte e Vida (PIDEVI) e presentar unha memoria e unha programación para a tempada 2008/09 a desenvolver coa remuneración económica do premio.
Para outorgar os Premios Deporte e Vida, a Fundación creará un Comité de Selección, coordinado por José Manuel Lobato, no que estarán representados: a Universidade de Santiago, as Federacións de deportes colectivos, as Federacións de deportes individuais, os árbitros (as); os pais e nais; e os empresarios (as). Os criterios de valoración atinxen a catro ámbitos: saúde, educación, benestar e non violencia.
No ámbito da saúde, valoraránse os seguintes aspectos: hixiene; alimentación/nutrición; controis médicos; prevención do consumo de drogas legais e ilegais e o fomento de hábitos saudábeis. No da educación: o fomento de valores como o traballo en equipo, a superación, o esforzo ou o compromiso; as actuacións no ámbito do comportamento; os plans de formación para adestradores, directivos e deportistas; ou o respecto polas instalacións e o material deportivo.
En relación co benestar, tomarase en conta: o fomento do deporte feminino; os programas solidarios con colectivos en riscos de exclusión; o deporte como reinserción social; a concesión de bolsas para os(as) deportistas con menos recursos ou o fomento da actividade deportiva na familia.
E no ámbito da non violencia, teranse en conta: os plans de prevención da violencia nos campos; o fomento da deportividade entre os(as) atletas do clube; os clubes menos sancionados pola súa respectiva federación ou o respecto ás normas.
Cómpre lembrar que o PIDEVI é un programa que forma parte do Plano de Fomento da Fundación -ao que o pasado ano na súa primeira convocatoria se adscribiron 61 clubes- que ten a finalidade de recoñecer a aqueles clubes que se distinguen por educar aos(as) deportistas, potenciando e recuperando os bos comportamentos e valores que, xunto ao esforzo pola superación persoal e o traballo en equipo, constitúen a base formativa dunha sociedade plural e solidaria.
BASES SOLICITUDE PROGRAMA DEPORTE E VIDA
Etiquetas: Axudas, premios Deporte e Vida







