Ezequiel Mosquera: “As Bolsas son necesarias para que saian deportistas de elite”

A Fundación Compostela Deporte acolleu esta mañá a presentación do ciclista do Xacobeo Galicia, Ezequiel Mosquera, como Padriño das Bolsas de Formación e Perfeccionamento para deportistas individuais. O ciclista de Teo asegurou que: “Esta iniciativa non é só unha boa idea, senón que é necesaria para incentivar aos deportistas, para axudarlles a poder invertir no seu propio deporte e que poidan seguir a súa práctica, sen ter que depender de terceiras persoas. Creo que este é o camiño necesario para que saian deportistas de elite, para que nesta comarca podan saír grandes ciclistas, atletas, e deportistas en todas as modalidades”.Mosquera engadiu que: “É un motivo de orgullo e estou encantado de apadriñar esta edición das Bolsas porque sei por experiencia propia que sen deporte base non hai deporte de elite. E moitas veces é moi custoso prácticar o deporte base e dependes da axuda familiar para poder prácticar certos deportes. Por poñer un exemplo, no ciclismo calquer cadete o xuvenil, para comprar unha bici decente para competir ten que gastar moitos cartos”, explicou.

O Concelleiro de Deportes de Santiago e Vicepresidente da Fundación, Andrés Fariña, subliñou que a labor da Fundación: “É intentar casar moitos eslabóns que aínda están soltos para formar unha cadea que permita un desenvolvemento da educación física e intelectual dos rapaces(as) en beneficio da sociedade. Neste caso dentro do mundo do deporte”.

Fariña explicou que a tarefa da Fundación se desenvolve nun dobre sentido. “Por unha banda, intentar ter figuras do deporte como Ezequiel Mosquera que podan servir de referente para os rapaces(as) e, por outra, intentar que os nosos(as) deportistas teñan uns recursos, polo menos para motivalos”, sen esquecer a “sensibilización” para que as empresas de Compostela e a súa comarca inclúan a promoción do deporte dentro das súas estratexias comeciais.

Pola súa banda, o representante dos medios de comunicación no Comité de Selección das Bolsas 2008, Antonio Bermúdez, explicou que antedito Comité manterá mañá unha reunión para propoñer os(as) tres deportistas que completarán aos(as) doce bolseiros(as) da presente edición, que xa foron seleccionados en base ao baremo establecido polas bases do programa.

“Hoxe tendes a vosa disposición, ordeados por modalidade deportiva, aos(as) corenta seleccionados. Até o vindeiro martes, na Gala de Entrega, non coñeceremos aos(as) quince mellores. Aos(as) que o baremo, que ano a ano vai perfeccionando Mariano García-Verdugo -Director da Área de Deportes da Universidade de Santiago e representante desta institución dentro do Comité-, recoñece as súas traxectorias deportivas”, apuntou Bermúdez.

Ao remate desta nota de prensa poderedes atopar a lista dos corenta seleccionados(as). Optar ás Bolsas 2008, corenta deportistas pertencentes a 13 modalidades deportivas: atletismo, ciclismo, duatlón, golf, iudo, kárate, natación, paralímpicos, patinaxe, tenis, triatlón, vela e xadrez.

Convenio coa Fundación Down Compostela

Andrés Fariña e o Presidente da Fundación Down Compostela, Juan Martínez, asinaron esta mañá o convenio de colaboración entre ambas entidades. Fariña afirmou que este convenio se enmarca: “Dentro dunha das finalidades fundamentais da Fundación: garantir a promoción do deporte para todas as personas de Santiago e a súa comarca. É unha iniciativa dirixida a un colectivo máis da nosa cidade, neste caso o da Fundación Down Compostela”.

Fariña engadiu que: “É un paso máis dentro da preocupación da Concellería de Deportes e da Fundación. Xa temos feito máis actuacións con Down Compostela e desde a Concellería temos en marcha un convenio de programación deportiva adaptada. Polo tanto é unir máis lazos na procura de que todos os membros da Fundación Down Compostela poidan tamén ter máis facilidades, se cabe, neste dereito de prácticar deporte. Estamos encantados de cada vez estar máis en contacto con vos e poder coñecer de primeira man cales son as vosas preocupacións”, destacou.

Pola súa banda, o Presidente da Fundación Down Compostela, Juan Martínez, subliñou que a firma deste convenio supón: “Unha oportunidade máis para que as persoas con síndrome de Down poidan participar nas actividades ordinarias que organizan as administracións e os diferentes colectivos, neste caso centradas no tema do deporte. E que podan seguir perfectamente integrados dentro da sociedade na que vivimos. Esta é a nosa filosofía desde que nos constituímos hai dez anos, permitir ás persoas con discapacidade participar en todas as actividades da vida ordinaria, e o deporte é unha máis”, comentou Martínez.

Aquí tedes a Lista seleccionados/as Bolsas 2008

Etiquetas: , ,

Os comentarios están pechados


Padroado