Andrés Fariña: “O deporte é unha gran escola de formación humana”

A Fundación Compostela Deporte acolleu esta mañá a presentación dos Premios Deporte e Vida, enmarcados dentro do Plan Integral Deporte e Vida (PIDEVI) -posto en marcha pola entidade no 2007- e que contan cunha dotación orzamentaria de 30.000 euros. A iniciativa premiará aos clubes que destaquen no fomento de aspectos como a saúde, o benestar social, a educación e á non violencia, así como ás entidades que os apoien. O Concelleiro de Deportes de Santiago e Vicepresidente da Fundación Compostela Deporte, Andrés Fariña, subliñou que: “O deporte é unha gran escola de formación humana se se fai ben -en colaboración cos adestradores, directivos, pais e nais, etc- e ao final sacamos un(ha) deportista xoven, educado para a sociedade”.”Considero que a Fundación ten un gran acerto promovendo esta iniciativa. E tamén é importante para a sociedade, que se vai beneficiar da formación destes rapaces(as) a través do seu traballo nas distintas empresas. E non hai que ovidar que estas están dirixidas por persoas, para as que temos que buscar que a través do deporte persegan a formación persoal desde o punto de vista de saber o que é a solidariedade ou traballo en equipo, entre outros valores”, engadiu.

Fariña tamén comentou os obxectivos da convocatoria destes premios. “Premiar aos clubes de Santiago e incentivar: “a súa tarefa a prol do deporte base da cidade; a formación dos(as) deportistas, técnicos e árbitros; favorecer os comportamentos cívicos e a transmisión de valores sociais e humanos a través do deporte; a sensibilización dos clubes e deportistas da importancia dos bos hábitos saudábeis; a mellora da educación cara á non violencia; a responsabilidade social corporativa nas empresas; e recoñecer públicamente ás entidades e persoas que apoian ao deporte”, indicou.

Poderán beneficiarse dos Premios Deporte e Vida todos os clubes federados que desenvolvan a súa actividade deportiva no Concello de Santiago e na súa comarca. E os requisitos para optar aos mesmos son:

• Desenvolver a actividade dentro do ámbito das federacións deportivas.
• Cumprimentar a folla de solicitude (que poderá recollerse na sede da Fundación) dos Premios do Programa Deporte e Vida (PIDEVI) e presentar unha memoria e unha programación para a tempada 2008/09.

As solicitudes deberán ser formalizadas mediante instancia dirixida á Fundación, con domicilio no Estadio de San Lázaro, porta 16. Así mesmo, as anteditas solicitudes deben ir acompañadas dunha memoria explicativa dos méritos que reúne a entidade deportiva para ser merecedora do premio ou premios aos que decida optar, e presentar unha programación para a presente tempada (2008/09) a desenvolver coa remuneración económica do premio.

Para outorgar os Premios Deporte e Vida, a Fundación creará un Comité de Selección, coordinado por José Manuel Lobato, no que estarán representados: a Universidade de Santiago, as Federacións de deportes colectivos, as Federacións de deportes individuais, os árbitros (as); os pais e nais; e os empresarios (as). Os criterios de valoración atinxen a catro ámbitos: saúde, educación, benestar e non violencia.

No ámbito da saúde, valoraránse os seguintes aspectos: hixiene; alimentación/nutrición; controis médicos; prevención do consumo de drogas legais e ilegais e o fomento de hábitos saudábeis. No da educación: o fomento de valores como o traballo en equipo, a superación, o esforzo ou o compromiso; as actuacións no ámbito do comportamento; os plans de formación para adestradores, directivos e deportistas; ou o respecto polas instalacións e o material deportivo.

En relación co benestar, tomarase en conta: o fomento do deporte feminino; os programas solidarios con colectivos en riscos de exclusión; o deporte como reinserción social; a concesión de bolsas para os(as) deportistas con menos recursos ou o fomento da actividade deportiva na familia.

E no ámbito da non violencia, teranse en conta: os plans de prevención da violencia nos campos; o fomento da deportividade entre os(as) atletas do clube; os clubes menos sancionados pola súa respectiva federación ou o respecto ás normas.

Lobato indicou que: “A finalidade do comité é valorar o traballo que están realizando os clubes nos eidos que recolle o plan PIDEVI. Para o que se lles facilitará unha especie de guía, para que podan elaborar as súas memorias”.

Iván Sanmartín, Delegado en Santiago da Federación Gallega de Atletismo e representante das Federacións individuais, afirmou que: “Estamos acostumados en todos os deportes a que sempre se premien os resultados. Pero o PIDEVI premia aspectos que están tapando as carencias que ten o deporte de competición, esto é moi importante. E tamén é fundamental destacar a cantidade de colectivos que chega: deportistas, árbitros, adestradores, etc”.

Pola súa banda, o representante dos empresarios, Ramón Otero, tamén subliñou a importancia dos aspectos que valora os Premios Deporte e Vida, asociados á práctica deportiva. “O feito de premiar ao deporte de base en aspectos como a saúde e outros conceptos fora da práctica meramente deportiva é gratificante. Oxalá que este proxecto perdure e que impacte nos clubes e na xente que os podemos potenciar. E tamén quero facher unha chamada ás empresas para que na súa actividade diaria fagan un punto de reflexión e participen neste tipo de actividades. Fomentar o deporte de base e fundamental para a formación dos pequenos e do conxunto da sociedade”, comentou.

A presentación dos Premios Deporte e Vida tamén contou coa presencia de: Paula Piñeiro, Xerente de Aquagest -entidade que forma parte do Padroado da Fundación Compostela Deporte-; de Enrique Fernández Otero, Delegado en Santiago da Federación Galega de Fútbol e representante das Federacións colectivas; e José Manuel Beceiro, Xerente de la Asociación de Empresarios do Polígono Industrial do Tambre.

Premios e contías

A Fundación Compostela Deporte outorgará, nun acto oficial, os seguintes premios:

Premios Deporte e Vida, cunha contía de 3.000 euros en cada un dos apartados anteditos: saúde, educación, benestar social e non violencia, baseándose nos criterios de valoración establecidos na convocatoria.

Premio Especial Deporte e Vida de 10.000 euros para o clube que sexa merecedor de tal distinción pola súa labor na execución conxunta dos catro aspetos anteditos.

Premio Deporte e Investigación, cunha contía de 6.000 euros, que se outorgará entre os traballos científicos realizados neste apartado.

Ademais, a Fundación entregará no acto oficial os Trofeos á Empresa Solidaria que se distinga no apoio ao deporte compostelán a través da súa responsabilidade social corporativa e á Organización/Asociación Solidaria, que se distinga no apoio ao deporte compostelán.

Cómpre lembrar que o PIDEVI é un programa que forma parte do Plano de Fomento da Fundación -ao que o pasado ano na súa primeira convocatoria se adscribiron 61 clubes- que ten a finalidade de recoñecer a aqueles clubes que se distinguen por educar aos(as) deportistas, potenciando e recuperando os bos comportamentos e valores que, xunto ao esforzo pola superación persoal e o traballo en equipo, constitúen a base formativa dunha sociedade plural e solidaria.

Aquí tendes as Bases dos Premios

Etiquetas: ,

Os comentarios están pechados


Padroado