A Fundación propón ferramentas ao servizo dos clubes
O Vicepresidente da Fundación Compostela Deporte e Concelleiro de Deportes de Santiago, Andrés Fariña, presentou esta mañá as Axudas para os clubes federados composteláns 2008. Trátase da cuarta edición deste programa do Plano de Fomento da práctica deportiva coa que a entidade propón ferramentas de apoio económico e de xestión ás entidades deportivas compostelás.Andrés Fariña comentou que: “A Fundación pon ao servizo das entidades deportivas este programa para facilitarlles a recadación maior posible de recursos. Nunha iniciativa na que colaboran entidades privadas”.
O Concelleiro de Deportes e Vicepresidente da Fundación lembrou as finalidades das Axudas. “Teñen como obxectivos primordiais axudar aos mesmos na súa tarefa a prol do deporte base da cidade; e contribuír á mellora da xestión das entidades deportivas mediante o outorgamento de axudas económicas polos gastos en desprazamentos a competicións oficiais, así como pola compra de material deportivo, cartelería, material de oficina, informático, equipos e programas que faciliten a xestión administrativa e deportiva”, comentou.
Fariña explicou que a convocatoria das Axudas 2008 ten unha dotación orzamentaria de 100.000 euros para o desenvolvemento do programa. “Pola tarefa de fomentar o deporte, 10 euros en efectivo por cada licenza (deportistas, técnicos e auxiliares) tramitada coa mutualidade pagada; até un total de 70.000 euros. E 30.000 euros para: a mellora da xestión deportiva que inclúe axudas para: o transporte, material informático e deportivo, de oficina e de cartelería”, apuntou.
Ademais, dentro do Programa de Axudas e de xeito paralelo ao mesmo, desenvolverase a acción complementaria Xogo Solidario. Mediante o sistema de rascas, os participantes optarán a agasallos directos e descontos dos establecementos colaboradores polo donativo de 1 euro. A Fundación repartirá entre os clubes que se acollan á convocatoria 100.000 boletos por valor de 100.000 euros.
O Xerente da Fundación, Santiago Araújo, subliñou que na iniciativa Xogo Solidario a Fundación: “Quere involucrar a distintos colectivos. Próximamente faremos unha presentación de todo o complexo organizativo que significará o Xogo Solidario no que están implicados, dentro dos comercios, a Asociación de Hostalería, Área Central, ACOTÉS, e un patrocinador como é Caixanova, que está a apoiar todos os proxectos que lle presentamos e, evidentemente, o Concello de Santiago e a Fundación”, explicou.
Pola súa banda, Paula Piñeiro, Xerente de Aquagest -empresa que forma parte do Padroado da Fundación- engadiu que: “Como representante das empresas do Padroado, comentarvos que seguimos apoiando firmemente estas iniciativas de carácter social, promovendo o deporte de base. Estamos encantados de que saian adiante estas axudas para os clubes composteláns, tanto económicamente como para mellorar a súa xestión”.
Poderán optar ás Axudas todos os clubes federados que desenvolvan a súa actividade deportiva no Concello de Santiago. As entidades deportivas interesadas poden consultar desde xa as bases das Axudas no portal de Internet da entidade www.fundacioncompostela.org.
As solicitudes formalizaranse mediante instancia dirixida á Fundación Compostela Deporte (Estadio de San Lázaro, Porta 16). O prazo de solicitude remata o vindeiro día 03 de xaneiro de 2009.
Aquí podes consultar a Convocatoria do Programa de Axudas 2008
Etiquetas: Axudas







