O CN Santiago e Delta Cargo aúnan esforzos para acadar máis éxitos deportivos para a cidade

A Fundación Compostela Deporte acolleu esta mañá a presentación do Clube Natación Santiago e a do seu novo patrocinador, a empresa Delta Cargo. Ambas entidades aúnan para esta tempada esforzos e ilusión para acadar máis éxitos deportivos colectivos e individuais para a nosa cidade. O acto contou coa presenza do Concelleiro de Santiago e Vicepresidente da Fundación, Andrés Fariña; o Presidente do clube, Jesús Pérez; o Director Xeral de Delta Cargo, Rafael Sabucedo e a Directora Xerente da empresa, Ana Costa; e do Director Deportivo e adestrador do clube, David García.

“É unha gran satisfacción estar entre dúas entidades que traballan nun proxecto común que reportará beneficios aos rapaces (as) que queiran facer un deporte tan extrarodinario como é o da natación. Un proxecto co que espero que as dúas entidades vexan cumplidos os seus obxectivos. Isto é o que apoia a Concellería de Deportes e a Fundación, a colaboración e a unión de esforzos entre entidades en beneficio do deporte”, explicó el Concelleiro de Deportes.

Fariña tamén expresou en nome do Concello de Santiago e da Fundación o: “Agradecemento a Delta Cargo pola vosa xenerosidade na colaboración co deporte en Santiago. E ao Clube Natación Santiago a enhoraboa polo voso traballo que comezou hai 22 anos. A ver se somos capaces de ir sacando cada día unha xuventude máis competitiva desde o punto de vista deportivo e máis preparada para o desenvolvemento xeral da súa vida e a súa personalidade”, indicou.

Pola súa banda, o Presidente do Clube Natación Santiago Jesús Pérez agradeceu a Delta Cargo: “Que patrocine o noso clube. Nós poremos todo da nosa parte para respostar a esa confianza con éxitos deportivos. Este mes comeza a tempada, agora mesmo estamos cunha campaña de captación de nenos (as) para a escola de natación. Este é un clube xoven, máis do 80 por cento dos rapaces son menores de quince anos e o traballo está dando resultados. Melloramos cada día”, comentou ao mesmo tempo que engadiu que o obxectivo colectivo é o de acadar a permanencia en Primeira División.

Ana Costa, Directora Xerente de Delta Cargo, suliñou a “ledicia” de Delta Cargo como patrocinador do clube compostelán. “É unha experiencia nova para nós. Aínda que temos feito patrocinios puntuais. Foi moi fácil tomar a decisión de apostar polo CN Santiago porque sabemos que traballa con nenos (as) e xoves e creemos firmemente en que o deporte é fundamental para o seu desenvolvemento e educación”, asegurou.

O Clube Natación Santiago é unha asociación sen ánimo de lucro dedicada á práctica deportiva federada da natación. Conta con catro adestradores en plantilla: Silvia Muníz, encargada de todas as categorías; Tania Sánchez, adestradora de infantís e alevíns; Iago Muiño, adestrador de benxamíns e escola de natación; e David García: Director Deportivo do clube e destrador de absolutos e júniors.

O clube compostelán, nesta tempada, conta con 145 nadadores con licenza en vigor na Federación Galega de Natación e na Real Federación Española de Natación. Ten nadadores en todas as categorías: Promesas (nados no ano 2000 e posteriores); Benxamín (1998-99); Alevín (1996-97); Infantil (1992 a 95, ambos inclusive); Júnior (1990-91) e Absoluta (nados en 1989 e anteriores).

O Clube Natación Santiago participa en: todas as competicións do calendario da Federación Galega de Natación; nos Campionatos de España que organiza a Federación Española e en varios torneos en Galicia. España e Portugal que os adestradores consideren necesarios para a posta a punto dos nadadores.

David García, Director Deportivo e adestrador do CN Santiago, augura unha “boa tempada” para o clube. “Creo que a permanencia, o primeiro obxectivo, será máis fácil de acadar polo traballo feito na pasada campaña, pola evolución dos nadadores e polos reforzos. No aspecto individual, gustaríame que saísen máis nadadores que comecen a destacar a nivel nacional e que os que o ano pasado exploraron se afiancen e esten loitando, polo menos, por estar nas finais. Nos campionatos galegos espero que o clube siga a súa proxección e intentemos cada vez estar máis arriba. E que o clube obteña bos resultados na Copa Galega e nas Ligas”, sinalou.

A entidade conta tamén cunha escola de natación nas piscinas de Sar en Santiago, na que adestra en cada tempada unha media de 80-100 nenos/as para que perfeccionen os estilos de natación e para, no futuro, poder entrar a formar parte das categorías do clube. Algún destes nenos/as xa compite na categoría Promesas. “O ano pasado traballamos con 86 nenos menores de dez anos e algún está empezando a acceder ao clube para as competicións”, finalizou o Presidente Jesús Pérez.

Aquí tes o Calendario 2009 e o palmarés do 2008 do CN_SANTIAGO

Etiquetas: ,

Os comentarios están pechados


Padroado