A Fundación destina 30.000 euros á formación e perfeccionamento dos deportistas composteláns
A Fundación Compostela Deporte acolleu esta maña a presentación da cuarta edición das Bolsas para a Formación e Perfeccionamento dos deportistas individuais composteláns 2008. A convocatoria conta cunha dotación orzamentaria total de 30.000 euros (cunha contía de 1.200 euros para cada bolseiro), que a entidade outorgará en réxime de concorrencia competitiva para cada modalidade deportiva.O Vicepresidente da Fundación e Concelleiro de Deportes de Santiago, Andrés Fariña, afirmou que as Bolsas: “Manteñen o espírito co que se creou a Fundación, intentar dar formación e perfeccionamento aos deportistas de Santiago. O obxecto da entidade é, como recollen as bases das bolsas e merece ser destacado, en primeiro lugar apoiar a práctica deportiva dos(as) deportistas de Santiago e, outra cousa moi importante, que sexan unha referencia para os máis novos. E dicir, estimular e poñer en valor o esforzo que fan esos deportistas”.
Fariña engadiu que Santiago goza de “elementos importantísimos” para potenciar ese estímulo. “No me canso de falar da facilidade coa que os medios de comunicación atenden ás cuestións deportivas, e entendo que é un estímulo para calquer xove deportista que se vexa reflectido en eles. Por eso quero agradecer aos medios de comunicación ese apoio que facedes día a día ao deporte de Santiago. É unha vantaxe, é un valor que temos”, asegurou.
O Secretario da Fundación, Víctor Tobío, apuntou que os(as) deportistas interesados en optar ás bolsas poden consultar desde xa as bases e formalizar as súas solicitudes no portal de Internet da entidade www.fundacioncompostela.org. Ou comezar xa a enviar a solicitude e a documentación complementaria para optar ás mesmas, mediante unha instancia dirixida á sede da Fundación Compostela Deporte (Estadio de San Lázaro, Porta 16). O prazo de solicitude remata o vindeiro día 7 de novembro.
Entre outros requisitos, Tobío indicou que: “Poderán optar ás bolsas de formación e perfeccionamento 2008 os(as) deportistas empadroados(as) no Concello de Santiago de Compostela, nados entre 1986 e 1998 (ambos inclusive) -este requisito non é esixíbel aos deportistas paralímpicos-, atoparse en posesión da correspondente licenza federativa ou acreditar a consecución de resultados deportivos relevantes obtidos en competicións oficiais durante os anos 2007 e 2008″, apuntou.
Unha vez finalizado o prazo de presentación de solicitudes, constituirase unha Comisión de Selección integrada por: membros do Comité Executivo da Fundación Compostela Deporte, un representante da Área de Deportes do Concello de Santiago, un da Área de Deportes da Universidade de Santiago de Compostela, un das Federacións deportivas e outro dos medios de comunicación.
Andrés Fariña expresou o agradecemento a esta Comisión de Selección. “Garante o gran valor que ten a Fundación, que é que se apoia en entidades representativas da cidade a nivel deportivo o que a convirte nunha organización máis aberta e próxima aos cidadáns, e cunha maior operatividade”, engadiu.
O representante das Federacións deportivas galegas, José Fernández Alborés, destacou que: “Estamos encantados de que un ano máis se outorgen as bolsas. É un paso importantísimo para o deporte galego e, en concreto, para o compostelán. Os(as) deportistas de Santiago poden estar de enhoraboa porque fai quince anos era impensable que tiveran unha bolsa para seguir medrando. Como representante das Federacións teño que recoñecer que isto é un fito histórico e que se siga repetindo cada ano é digno de mérito. A labor que está a facer a Fundación é fantástica e o único que podemos facer e felicitala”, indicou.
Pola súa banda, o representante dos medios de comunicación, Antonio Bermúdez, manifestou a súa: “Satisfacción porque a pureza do sistema de baremación fai que quen o mereza leve as bolsas e, o que non, teña que seguir competindo. Xa o pasado ano vos falei de que estou tranquilo porque nós non podemos manexar os datos, nin hai favoritismos. Na Comisión de Selección só somos testemuñas de que os datos se axustan ben a ese o baremo para sacar o listado dos(as) que van a recibir as bolsas”, subliñou.
Etiquetas: bolsas, bolsas individuais







